
O Concello de Narón e o CIFP Ferrolterra
colaboraron un ano máis para poñer a disposición da veciñanza novos refuxios
para a fauna silvestre, concretamente para paxaros e morcegos. O concelleiro
de Medio Ambiente, Manuel Ramos, explicou que unha vez que estean
dispoñibles tanto as caixas niño para aves insectívoras como as caixas refuxio
de morcegos, se entregarán á cidadanía interesada –ata esgotar existencias-
no Concello, debendo solicitalos previamente facilitando os seus datos a través
do número de teléfono 981 337 700 (extensións 1604 e 1614). Os refuxios
entregaranse unha vez que estean dispoñibles coa guía de uso para a súa
colocación e limpeza e tamén con outra nova elaborada este ano na que se
profundiza no fomento da biodiversidade.
A segunda guía, tal e como indicou o edil naronés, “amosa a
importancia que que ten no noso día a día a protección da natureza, indicando
unha serie de medidas útiles que buscan o equilibrio e autorregulación dos
ecosistemas”. Medidas sinxelas como evitar o uso de biocidas e fitosanitarios,
recuperar as tradicionais sebes vexetais que sirvan de refuxio á fauna silvestre,
reducir a frecuencia da sega ou corta de prados ou xardíns, acomodar as
podas das árbores ás necesidades de cría das aves, entre outras, son accións
recomendadas para ter unha horta ou xardín rico en biodiversidade, que sexa
capaz de autorregularse para que non proliferen insectos indesexados. Tamén
se engade nesta nova guía un apartado con boas prácticas agrarias para evitar
estas proliferacións. As dúas guías xa están dispoñibles tanto na planta baixa
do Concello como no sexto andar.
Estas solucións baseadas na natureza permiten resolver os problemas
que se presentan sen menoscabar a saúde dos ecosistemas incorporando a
restauración da natureza como solución ao fomentar a propia resiliencia dos ecosistemas. Neste caso concreto ao fomentar a autorregulación evitamos a
contaminación con substancias químicas, que finalmente acabarían afectando
tamén á poboación.
O pasado ano o Concello de Narón xa colaborou co CIFP Ferrolterra, tal
e como recordou Ramos, para elaborar caixas niño de aves insectívoras e
caixas refuxio para morcegos, co fin de “establecer un método de control
biolóxico de pragas de insectos dende un enfoque unha soa saúde da OMS,
que considera a saúde humana, animal e a do planeta como un todo
interconectado”.
Ramos recordou o éxito de aceptación que tivo entre a cidadanía esta
iniciativa, o que levou ao Concello a retomala de novo en colaboración co CIFP
Ferrolterra e do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, aos que
agradeceu a súa implicación.