
José Antonio Ponte Far, concelleiro de Cultura, presenta a programación do primeiro trimestre do 2025. “A concellería de Cultura organiza un total de 22 eventos no teatro Jofre e no auditorio, con propostas de todo tipo para todos os públicos”, avanzou o edil. Tras as actuacións dos humoristas Miguel Lago e Pablo Meixe, os días 17 e 25 de xaneiro respectivamente, hoxe actuará a Real Filharmonía de Galicia, a partir das 20:30 horas no auditorio.
O humorista Roberto Vilar será o encargado de abrir os espectáculos do mes febreiro co seu show Continueixon, será mañá no auditorio a partir das 20:30 horas. Seguiralle a ópera Il Trovatore de Verdi o mércores 5 no teatro Jofre e, un día máis tarde, no auditorio, a Orquestra Sinfónica de Galicia interpretará obras de Rachmáninov e Chaikovski baixo a dirección de Elim Chan e con Lukas Sternath ao piano. Ambas actuacións serán ás 20:30 horas. O día 7 regresa a Ferrol Ara Malikian coa súa xira Intruso, concerto que se poderá ver no auditorio (21:00 horas), e cuxas entradas ya están esgotadas, revelou Ponte Far. O toque rockeiro poranno Los Saxos del Averno o día 8 ás 20:30 horas no Jofre, escenario no que actuará tamén Bulebule de Os Náufragos Teatro (12.30 horas), unha obra de teatro infantil. O día 14 Fernando Cayo e Marcial Álvarez, entre outros, subiranse ao escenario para representar Los lunes al sol (20.30 horas). Un día despois, o 15, Iván Melón Lewis e Ariel Brínguez co seu concerto de jazz Alma en Cuba (ás 20:30 horas). A guitarra flamenca de Chicuelo e o piano de Marco Mezquida ofrecerán un concerto, no Jofre, o día 20 (20:30 horas). O mes rematará o día 28 co festival musical en clave ferrolá Un longo camiño dende os anos 80 ata hoxe, no auditorio (20:30 horas). “Estamos invitando a todos os integrantes do grupo Los Limones ao longo de todos estes anos para que participen tamén, e render así unha homenaxe a este grupo”, avanzou.
PROGRAMACIÓN EN MARZO
Olivia Molina e Luisa Martin protagonizan Malditos Tacones, unha obra coa que abrirá o mes de marzo representándose no teatro Jofre (20:30 horas). A soprano Ainoha Arteta actuará o día 8 no auditorio acompañada ao piano por Javier Carmena. Para os máis pequenos está prevista a obra Rosalía, a pulga que escribía da compañía Galitoon o día 9 no teatro Jofre (12:30 horas). A Banda da Loba actuará o día 14 neste mesmo escenario (20:30 horas) ao que tamén se subirán os actores de Cigarreiras de Contraproduccións S.L o día 16 (20:30 horas). O día 21 teremos a actuación de Tito Asorey, no Jofre (20:30 horas) e o día 22 estará Karmento co seu espectáculo La Serrana (20:30 horas).
O concerto da Real Filharmonía de Galicia, o día 28 no auditorio ás 20:30 horas e o espectáculo de danza Aurora Boreal de Paula Quintás Cía, o día 29 no Jofre ás 20:30 horas, pecharán a programación do mes de marzo.
EXPOSICIÓNS
Onte inaugúrose a exposición III Orixes, que estará ata o 20 de abril, xunto coa mostra de Galicia en Foco (do 18 de xaneiro ao 20 de abril) compartindo espazo no Torrente Ballester, o mesmo escenario no que exhibirase outra mostra adicada ao pintor Segura Torrella polo 25 aniversario do seu falecemento. A esta programación sumarase o día 8 de marzo a exposición sobre Torrente Ballester, que está neste momento na Biblioteca Nacional de España, “esta mostra será máis completa na nosa cidade xa que dispoñemos de máis espazo no centro cultural”, revelou Ponte Far.
E haberá tamén unha mostra de Xaime Quessada sobre os acontecementos do 10 de marzo (do 21 de febreiro ao 16 marzo) para rematar o trimestre coa exposición Os traballos de Hércules (21 de marzo ao 20 de abril).
Tamén haberá os días 9, 16 e 23 de febreiro, e os días 2,9,16,23 e 30 de marzo cine infantil de balde nos cines Duplex. Proxeccións ás que se sumarán clásicos inéditos en versión española como Quién mató al osito de peluche? (26 de febreiro) e La furia y la carne (26 de marzo). Serán ás 20.30 horas, con entrada libre ata completar aforo.